Galicia

3.000 traballadores de Navantia e do Naval ferrolán percorren a pé 20 quilómetros para demandar solucións

3.000 traballadores de Navantia Ferrol e Fene e de empresas auxiliares do naval, iniciaron ás 11 e media deste xoves unha marcha reivindicativa de máis de 20 quilómetros polos concellos da ría ferrolana para esixir ao Goberno, á Xunta e á empresa carga de traballo,  explicacións sobre o flotel para Pemex e a construción do dique flotante.

A marcha iniciouse na porta do estaleiro e percorrer os concellos de Fene, Narón e Neda. O comité de empresa, que manifestou o seu apoio e solidariedade aos traballadores dos estaleiros privados, reclamou ao Goberno que “esixa en Bruxelas solucións para a construción do dique flotante para Navantia Ferrol e para a problemática do ‘tax lease’”.

Os traballadores do sector naval de Ferrol, tras dous anos de mobilizacións, advirten de que a carga de traballo actual no estaleiro, coa construción do segundo ALHD para Australia, rematará  despois do verán, e denuncian que o flotel para Pemex carece de data concreta de inicio nove meses despois do anuncio realizado pola Xunta “antes das eleccións autonómicas”.

O presidente do comité de Navantia Ferrol, asegurou que “as incertezas aumentan mentres se perden postos de emprego”, en concreto preto de 2.500 nas empresas auxiliares, so no último ano e medio.

Os traballadores, que que pararon a xantar ás 2 da tarde, percorreron os concellos da ría cortando o tráfico e cunha pancarta na que se denunciaban que “17.000 postos de emprego están en xogo”, e salientaron que “se hai que ir a Madrid irase”.

 

También te puede interesar