Ciencia y Tecnología

O BNG pide á Xunta que encargue un informe médico sobre a incidencia do cancro preto da incineradora de Sogama en Cerceda

O BNG presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego na que insta á Xunta a realizar un estudio epidemiolóxico “independente” sobre a incidencia de casos de cancro entre os cidadáns que residen nas inmediacións da incineradora de Sogama no concello coruñés de Cerceda.

Así o anunciou este xoves a deputada do BNG Ana Pontón, que compareceu en rolda de prensa xunto con Rocío da Igrexa, concelleira nacionalista en Cerceda, e Ramiro Recouso, concelleiro en Ordes do BNG. Os tres subliñaron a preocupación que existe na zona pola “incidencia de casos de cancro nas proximidades e pola falta de información sobre os efectos negativos que esta planta poida ter na saúde dos habitantes”.

Recouso recordou que o Concello de Ordes aprobou unha moción que reclamaba un estudio epidemiolóxico sobre esta cuestión, dada a incidencia desta enfermidade no municipio. “Naquel momento, en todos os inmobles da Rúa do Paseo había un caso de cancro”. Dende aquel momento, alertou, a “incidencia do cancro na localidade segue crecendo”, sen que polo momento se conte cun “estudio independente e con rigor sobre os efectos da incineradora”.

Aínda que asegurou que a intención do BNG non é a de alarmar, Ana Pontón recordou que as administracións públicas teñen a “obriga de vixiar o impacto desta planta na saúde da cidadanía por precaución”.

Neste sentido, indicou que un estudio realizado polo Instituto Carlos III de Madrid evidencia que “as persoas que residen preto de incineradoras teñen máis risco de padecer cancro”, sobre todo aqueles de estómago, riles ou pulmón. Na mesma liña, un simposio médico celebrado en País Vasco en 2004 tamén detectaba correlación e “facía fincapé no descoñecemento dos efectos que as emisións destas plantas poden ter entre a poboación”.

 

You may also like