Galicia

O Supremo ratifica a condena de 15 anos de cárcere para o autor da morte de Laura Alonso

O Tribunal Supremo ratificou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que rebaixou de 18 a 15 anos de cárcere a condena a Javier Cruz por matar a súa ex noiva, Laura Alonso, a madrugada do 24 de agosto do 2009 no concello ourensán  de Toén. O Supremo considera que “non hai lugar” nin ao recurso do condenado nin ao da acusación particular, exercida polo pai da vítima.

A Audiencia de Ourense impuxera, en setembro de 2012, unha condena de 18 anos de prisión a Javier Cruz polo asasinato de Laura Alonso, do cal o tribunal do xurado o declarara culpable. Non obstante, o autor confeso do crime presentou un recurso de apelación ante o TSXG, que o aceptou parcialmente o pasado mes de febreiro e o absolveu de asasinato, ao non quedar probado que existise aleivosía.

Agora a sentenza do Supremo, ratifica o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que estimara parcialmente o recurso de apelación interposto e rebaixara a condena de Javier Cruz, ao consideralo culpable dun delito de homicidio, pero non de asasinato, polo cal fora condenado en primeira instancia.

O Supremo rexeita o recurso de casación interposto por Javier Cruz González, no que pedía que non se lle aplicasen as agravantes de abuso de superioridade e parentesco, entre outros puntos. O alto Tribunal, en sentenza con data do pasado 11 de xullo, avala a existencia dunha relación de noivado entre o condenado e a vítima e vai “plenamente acertada” que se declare que concorre esta circunstancia.

 

También te puede interesar