Riós, escenario de Galicia dende este venres

Xa son seis edicións nas que unha pequena aldea do surleste de Galicia, con apenas 200 habitantes, se convirte no punto de referencia das artes escénicas a nivel autonómico. Despois de recibir a grandes personalidades do panorama audiovisual como Luis Tosar, Tonhito de Poi, Roberto Vilar, Manuel Manquiña ou David Amor, Riós preparase para dar a benvida a novos protagonistas nesta sexta edición.

O 2 e o 3 de agosto, Riós encherase de cinema, música, humor, gastronomía, deporte e actividades para todos os públicos.

O acto de apertura do Festival terá lugar no Salón de Actos do Centro Social de Riós a partir das 18.30h. Da man do showman Pepe Capelán, presentaranse novas producións audiovisuais realizadas por promesas do cinema galego.

“Clases de lo social”, webserie dirixida por Pablo Cacheda e Pablo Fernández, será a primeira proxección da tarde. Ás 19.00h, Alba Prol presenta a súa aventura en forma de documental en “Caravana Vilamor: Historia dunha promoción”. Finalmente, a partir das 20.00h, as curtas gañadoras do Festival de Cans mostraranse ante o público asistente, coa presenza de Alfonso Pato, director do festival, irmandado co Festival de Riós.

A partir das 21.30h, no Recinto do Festival, Pepe Capelán será o mestre de cerimonias dunha gala na que se presentarán novos proxectos audiovisuais. O filme fantástico “Las Brujas de E´lente”, dirixida polo ourensán Simón Vázquez que protagonizan Luis Iglesia, Rubén Riós e Xoel Yáñez entre outros, será a primeira proxección da noite. “Calíope en el camino”, documental sobre como os soños se poden chegar a facer realidade. Radilo, un home que levaba sesenta anos perseguíndoo, vai realizar un western en Sarria.

O Festival introduce unha nova sección titulada Todos podemos facer cine na que se presentaría “Turn around”, proxecto de fin de curso do grupo de maiores do taller de cine impartido por Estíbaliz Veiga dentro das actividades promovidas por ASAC. A Asociaciòn de altas capacidades de Galicia, dirixida por Carmen Pomar.

As Also Sisters, dúas irmás estudantes de cine na Universidade de Utah, presentan o seu novo filme “A historia dun satélite, Rafael e a nai que o pariu”.

O gran momento da noite chega coa estrea mundial do filme “A última viaxe do afiador”, unha longametraxe documental dirixida por Aitor Rei e producida por Boneca Lareta Producións, que relata a historia dos afiadores que, roda sobre ombreiro, percorreron todo o mundo para poder sobrevivir. O peche de gala corre a cargo de Eva Diz e Yomelo Montosolo, que interpreterán un tema inédito adicado á vila e ao Festival.

A partir das 01.45h, é o turno da música. Daniel Minimalia ofrecerá un concerto no que presentará o seu novo álbume “Contos sonoros”, seguidos de Yomelo Montosolo, artista polifacético ourensán que encherá de humor e música o recinto e tocará unha peza con Ramón Sande, e pechará a xornada do venres Antón Dj cunha sesión que durará ata altas horas.

Sábado 3

O sábado 3 de agosto, o festival conta cun día enteiro cheo de actividades de todo tipo. Dende as 11.00h haberá actividades infantís con obradoiros e talleres audiovisuais.

Ás 12.00h, chega un dos momento máis especiais do evento: a inauguración da Ruta do Talento, unha iniciativa de Rubén Riós e o Festival das Artes Escénicas que creará un percorrido ao longo de centenarios castiñeiros bautizados co nome dalgúns dos maiores protagonistas do mundo cultural en Galicia. Un deles levará o nome de Moncho Fernández, o adestrador do Blusens Monbus, onde logrou manter ao equipo compostelán chegando mesmo a alcanzar os Play-Offs.O segundo castiñeiro levará o nome do famoso actor Javier Gutiérrez, un gran profesional do mundo da interpretación do noso país. Ao acto asistirán D. Jesús Vázquez Abad, conselleiro de cultura, D. Francisco Armando Veiga, alcalde de Riós, Rosa Cedrón e Rubén Riós.

Pola tarde, a partir das 17.00h, celebrarase un partido benéfico a favor de Uxía, unha rapaciña que ten adquiria, unha das consideradas enfermidades raras, no membro superior esquerdo. O encontro enfrontará a o equipo de veteranos do R.C. Deportivo de A Coruña, como Fran e José Ramón entre outros, contra unha selección do Festival formada polo Verín C.F., Riós C.F. e artistas convidados.

Á noite, a partir das 22.00h no recinto do Festival, comeza a gala das Artes Escénicas conducida por Sonia López, experimentada presentadora e comunicadora. A primeira actuación a cargo de Malvela, unha banda de música tradicional formada por tres xeracións de mulleres recoñecidas polo famoso Pirimpinpín. Actuarán tamén a Coral de Riós Cantarela como preludio da entrega da Castaña de Cristal a Rosa Cedrón, intérprete e ex-vocalista de Luar na Lubre, e unha homenaxe a Moncho Fernández e Javier Gutiérrez. O peche da gala correrá a cargo de Pepo Suevos, famoso monologuista e showman que encherá de risas o recinto.

A partir das 00.30h., Tony Lomba, un artista todoterreo, ofrecerá un concerto con moitísimas sorpresas e decibelios de diversión e despois subirá ao escenario Robert Ramírez, afamado compositor que arrasou co éxito Sick of love que dará un recital de son cos seus hits máis escoitados. Como peche da VI edición, o dj ourensán Guilly de Melo ofrecerá unha sesión para deleite dos asistentes.

Este festival, tras seis anos, segue a apostar polo desenvolvemento do rural galego e o fomento da cultura nas pequenas vilas da comunidade, ofrecendo un programa no que se aposta polos novos talentos mesturados con artistas consagrados.

 

Te podría interesar