A Deputación de Pontevedra aprobou este mércores un plan de investimentos por valor 15 millóns de euros dirixido a localidades da provincia entre 1.000 e 50.000 habitantes Segundo o voceiro da institución, o plan “favorecerá a creación e mantemento duns 1.000 postos de traballo, especialmente no sector da construción, e a posta en marcha duns 300 proxectos que sairían a concurso”.
O goberno do organismo provincial salientou que o obxectivo é “aliviar e dar resposta ás demandas dos concellos en materia de servizos básicos”.
Os voceiros do BNG e do PSOE – que votaron en contra – criticaron que Vigo e Pontevedra quedan excluídos de optar a estes investimentos e queixáronse de que os municipios beneficiarios do plan non serán os responsables das contratacións.
César Mosquera, do BNG instou o PP a “repensar e reestruturar” as bases que rexerán a repartición dos fondos, ao cualificalas de “inxustas, disfuncionales e desiguais” e pediulle “un esforzo por facelas máis equitativas”. Ao seu xuizo, a Deputación tenta de “substituír progresivamente aos concellos” que, segundo Mosquera, se converten nunha “oficina de solicitudes ou queixas, ou para andar mendigando coa gorra”.
Mosquera tamén cuestionou a eficacia deste plan, que “non contribúe á recuperación económica”. Ademais, advertiu que se crea “unha perversión tremenda” en tanto “non se axuda aos concellos e créanselles problemas para a xestión de obras” que tramita a Deputación.
Pola súa banda, o voceiro do PSOE criticou que o PP non contase coa opinión da oposición para elaborar as bases reguladoras, que “puideron saír por consenso”. Ao igual que Mosquera, tamén criticou que o 20% do valor do plan, que calcula en tres millóns de euros, queda “a discreción” do presidente, polo que reclamou que se dedique a investimentos nos concellos de Pontevedra e Vigo.