As ruínas de Santo Domingo, no centro Pontevedra, están pechadas ao público dende este sábado, de xeito temporal, ata que os técnicos do Museo de Pontevedra, o arquitecto e o aparellador provincial determinen a causa do desprendemento dun capitel e verifiquen que non existe ningún problema de seguridade para o público que visita este espazo.
O presidente da Deputación de Pontevedra explicou que se trata dun monumento moi visitado pola súa localización no medio da capital e confía que o peche non sexa moi longo. Rafael Louzán xustificou esta medida ante as actividades culturais que se organizan no interior do recinto e pola necesidade de comprobar que “reúne todas as condicións de seguridade”.
Ata que os técnicos non elaboren un informe e determinen se procede algún tipo de intervención, o titular do organismo provincial eludiu valorar se no ámbito da Praza de España e a Avenida de Montero Ríos ou a rúa adxacente a estes restos arquitectónicos se desenvolve algunha actividade prexudicial para a súa conservación. “É un edificio ao que lle falta a cúpula e as súas paredes non están tan suxeitas”, sinalou Louzán.