Comarcas

#ardegalicia: Activos incendios en Boiro e Navia de Suarna, Esteiro e Oia

O departamento que dirixe Rosa Quintana indica que segue activo o lume que comezou onte na parroquia de Rao, en Navia de Suarna, na provincia de Lugo. De momento, a superfice afectada achégase xa ás 150 hectáreas. Este lume comezou ás 7 da tarde do xoves e na súa extinción levan traballado un técnico, oito axentes, 24 brigadas, 11 motobombas, dúas palas e dous helicópteros.

Dende as 7 da mañá deste venres está controlado o lume que se rexistraba na parroquia de Esteiro, en Muros. As lapas calcinaron, segundo as primeiras estimacións, unhas 25 hectáreas. Tamén quedou controlado o incendio da localidade ourensá da Bola, na parroquia de Podentes. Segundo Medio Rural, a superfice afectada é de 25,6 hectáreas.

Así mesmo, dende as 9 da noite horas do xoves permanece controlado – ainda que non extinguido – o incendio forestal iniciado antes das 7 da tarde do luns na parroquia de Burgueira en Oia, que estendeuse ao municipio veciño do Rosal e queimou preto de 3.000 hectáreas. No control deste lume traballaron catro técnicos, 34 axentes, 75 brigadas, 55 motobombas, 13 palas, 13 helicópteros e sete avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

Medio Rural informou, ademais, de que ás 11 da noite deste xoves quedou extinguido un lume na parroquia de Tebra en Tomiño, que se iniciou ás pasadas as 9 do mércores e queimou unhas 50 hectáreas.

 

También te puede interesar