O Centro de Atención ás Emerxencias- 112 Galicia leva atendeu ata ás 19.30 horas máis de 1.200 incidencias, das cales case 850 están relacionadas co temporal de vento e chuvia que afecta a Galicia e que ten a comunidade en nivel de alerta vermello.
A incidencia máis grave ata o momento tivo lugar no municipio ourensano de Vilar de Barrio, onde unha muller de 83 anos, de iniciais C.D.G., faleceu tras o derrubamento dun muro dunha nave en construción.
Así mesmo, un home está en observación no hospital de Vigo tras mancarse ao caer dun andamio en Tomiño. Do resto de incidencias, que se reproduciron ao longo de toda a xeografía galega, a maioría están relacionadas con árbores e cables da luz caídos en estradas, bolsas de auga en estradas e anegamentos en garaxes, baixos, rúas e estradas, voos de tellados.
Ás 19.00 da tarde, o número de clientes sen subministro eléctrico, que ás 17.30 era de 27.000, baixara xa a 22.000, debido á celeridade dos equipos encargados de restablecer o sistema, aos que axudaron as brigadas de Medio Rural que facilitaron o acceso tras retirar os árbores e postes caídos que provocaron as avarías. As zonas máis afectadas son O Rosal, Salvaterra e Gondomar en Pontevedra; Vimianzo na Coruña; e a zona da montaña de Ourense.
En canto aos encoros, abríronse as comportas do encoro de Belesar, de Peares, Pumares e Barrié de La Maza, avisándose en todos eles aos concellos situados río abaixo para prever posibles problemas polo desbordamento do río, como ten sucedido no Támega.
A Xunta de Galicia recorda a importancia de manter as medidas de protección e extremar as precaucións ata que finalice o nivel de alerta vermello e o temporal abandone a comunidade, previsiblemente en torno á media noite e pola Mariña lucense.