Vigo al minuto

O PP califica de “dramática” a situación do Auditorio e advirte que o hotel pechará dentro de catro días

O grupo municipal do Partido Popular entende que da declaración que fixo a directora do Hotel Carris Beiramar, este xoves na comisión de seguimento do auditorio, infírese que non se cumpriron as expectativas de actividade no auditorio que, sinalou o concelleiro Roberto Relova, eran unha parte básica do contrato asinado no seu día polo hotel.

A xuizo do concelleiro popular, a situación do hotel e do auditorio “é dramática” e lembrou que, se non hai xeito de impedilo, o día 30 o hotel pechará, logo de que unha sentenza ratificase o desafiuzamento, “o cal suporá deixar na rúa a 30 familias”.

Segundo Relova, a directora subliñou que “houbo unha mala fe permanente por parte da concesionaria do auditorio” e indicou que o propio Carris organizou eventos, “dada a falla de actividade, posto que tiña que garantir unha maior ocupación” e que houbo personas que se dirixiron a ela para contratar oficinas ou espazos comerciais no edificio do Auditorio, pero “non recibiron resposta ningunha da concesionaria”.

O responsable de cultura do PP local, indicou que, o ano pasado, e á vista da inxección económica de 5 millóns á concesionaria por parte do Concello, os responsables do establecemento hoteleiro “decidiron manter por máis tempo a súa actividade á espera de que se relanzasen os eventos, cousa que non aconteceu” e, á vista delo, pediu que se aclare “onde foron parar eses 5 millóns de euros”.

Roberto Relova tamén explicou que a directora do hotel trasladou a súa disposición a “reconsiderar o peche se a concesionaria se aviñese a renegociar a débeda”, maila o cal, segundo o concelleiro, “parece que aquí a ninguén lle importa se o establecemento hoteleiro segue aberto ou non”.

Pola súa banda, o concelleiro de Fomento, David Regades, lembrou que o Concello advertiu á Unión Temporal de Empresas (UTE) concesionaria de todo o entorno do auditorio, que terá que pagar unha multa de 300.000 € se pecha o hotel e indicou que, dende que se produciu a sentenza de desafiuzamento de Carris, “tivo tempo de buscar unha alternativa para que o hotel puidese seguir aberto”.

 

También te puede interesar