A Xunta considera que para “acadar maior eficiencia e rendibilidade” nos orzamentos que todas as institucións dedican á promoción aérea, estes presupostos deben estar xestionados por un único xestor, que cumpra e se axuste ao plan elaborado por AENA e que foi dado a coñecer o 5 de setembro.
Nunha carta enviada hoxe aos alcaldes da Coruña, Vigo e Santiago, asinada polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Xunta aposta polo desenvolvemento dun novo modelo organizativo baseado nunha central de compras única e cun único xestor.
O Executivo galego asume as conclusións do Plan de coordinación para o Impulso do tráfico aéreo, redactado por Aena, que foi presentado tanto á administración autonómica como aos alcaldes o 5 de setembro. E, para poder “reforzar a competitividade de Galicia como destino único e evitar a competencia entre as propias terminais”, aposta pola unión das distintas sensibilidades nunha única voz que reforce a propia capacidade negociadora das administracións con intereses no desenvolvemento do sector aéreo.
O Goberno galego traslada, así mesmo, a súa dispoñibilidade para asumir, con carácter xeral e con repercusión nas tres terminais, a función de promoción turística en orixe, explicando que “ese labor promocional contará o vindeiro ano 2014 cun orzamento de catro millóns de euros”. A Xunta comprométese a que “esa labor de promoción turística estea plenamente integrada nesta estratexia conxunta e coordinada”.
Na carta enviada aos alcaldes, o Executivo galego lembra a súa vontade de impulsar unha xestión aeroportuaria coordinada e eficaz, unha disposición que segue plenamente vixente para apoiar propostas rendibles compatibles entre si. No caso de que esta proposta de coordinación non se formalice, a Xunta centrarase coa máxima intensidade no exercicio das súas competencias directas neste ámbito, que é a promoción turística en orixe.