O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) fixo público onte un comunicado no que mete no mesmo saco a todos os medios de comunicación asegurando, que “ante o tratamento amarelo e sensacionalista que estes días se deu e está a dar nos medios de comunicación de Galicia e de España sobre o caso de Asunta Basterra ,o SXG reclama autocrítica e reflexión profunda aos editores dos medios de comunicación e advirte ao conxunto da sociedade, e aos representantes da cidadanía, de que o actual contexto laboral do xornalismo é campo abonado para este indefendible modelo pseudo-informativo en moitas máis ocasións”.
Se cadra, o Sindicato de Xornalistas debería facer un exercizo de xustiza – e de paso de obxectividade- e evitar equiparar – por abaixo- a todos os medios e todos os xornalistas e, xa que estamos, amosar a valentía, que algúns temos coma parte do noso oficio, e sinalar qué medios son os “amarelos e sensacionalistas”.
Estamos dacordo en casi todo o demáis, dende as “prácticas que contribúan a afundir no desprestixio social a esta profesión e aos traballadores que a exercen”, pasando polo feito de que “o rigor debe ser a base da actuación xornalística”, que “máis precariedade no xornalismo implica unha peor información para a sociedade” e, tamén, que é “enormemente inxusto e simplista colocar sobre as costas de redactores e xornalistas gráficos” a responsabilidade única da cobertura deste caso.
É verdade, como o é que non deixa de ser “enormemente inxusto e simplista”, ademáis de pusilánime, equiparar a todos os medios.
Lembramos ao Sindicato de Xornalistas, que neste, os seus lectores NON atoparon información como que ‘ a nai da pequeña xa tentara matala antes’, ou que ‘herdou a fortuna dos seus avós’, que ‘os país programaron o crime durante meses’, que estaban ‘sendo investigados pola morte dos avós maternos’, que Rosario Porto tiña ‘unha relación íntima cun cidadán marroquí’ ou que ‘non descartou na súa declaración ante o xuiz que Alfonso Balterra fose o responsable da morte da pequena’. Nos non condenamos a ninguén, eso é cousa dos xuices.
Os lectores de vigoalminuto non viron aquí unha entrevista co home que atopou o corpo da nena, nen co o forense que fixo a autopsia, nen elucubracións ou opinións de supostos expertos, de tertulianos, veciños e coñecidos da familia e residentes en Santiago e, moitísimo menos, que se mencionase o feito de que a rapaza fose adoptada ou referencias á súa raza. Eso foi noutros medios.