A campaña de vacinación contra a gripe e o pneumococo do Servizo Galego de Saúde (Sergas) prolongarase dende este luns, día 21 de outubro, ata o 20 de decembro co obxectivo de cubrir máis do 65% das persoas maiores de 65 anos e ao 35% do persoal sanitario.
A Consellería de Sanidade destinará 2.276.328 € a esta campaña, para a que o Sergas adquiriu un total de 590.000 doses -560.00 de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacinas antineumocócica- que se distribuirán en máis de 900 puntos de vacinación, tal e como explicou en rolda de prensa a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.
Deben de vacinarse todas as persoas de 60 ou máis anos e así como aos grupos de risco. En concreto, inclúense nos grupos de risco os enfermos crónicos cardiovasculares ou respiratorios; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con doenzas metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.
Tamén poderán vacinarse os grupos con posibilidade de transmitir a gripe e outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios; as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; así como os que pola súa ocupación poidan estar en contacto con aves.
Ao longo desta campaña utilizaranse dúas vacinas, unha para a poboación xeral, intramuscular, e outra indicada en poboación maior de 75 anos, intradérmica, que induce unha mellor resposta defensiva.
Os lugares para poñerse a vacina son centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; residencias e centros para a terceira idade; unidades asistenciais de drogodependencias; ou centros penitenciarios.
Os interesados en vacinarse deben de poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que padezan enfermidades crónicas, deben de acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde, onde serán informados das vacinas que deben recibir.