Galicia

Os traballadores de Tragsa, á folga xeral para impedir o despedimento de 836 empregados

Os sindicatos de Tragsa – especializada en servizos de enxeñería aplicada ao medio rural –veñen de convocar unha folga xeral de 24 horas en todos os centros do grupo para o próximo 7 de novembro en protesta polo expediente de regulación de emprego (ERE) que o grupo presentou e que afecta a 836 traballadores – entre eles 113 dos 294 empregados fixos que ten en Galicia -.

Segundo o Comité de Empresa, a media non reflicte a realidade da sociedade que, salientaron, “vén obtendo beneficios positivos nos últimos anos”, polo que, denuncian, o que “anticipa é unha privatización encubrida dos servizos que ata agora viña prestando”.

Xunto coa folga, as centrais convocaron tamén unha concentración ese mesmo día en Madrid á porta do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, que comezará ás 12 horas e finalizará ás 2 da tarde.

O Grupo Tragsa alegou para xustificar o axuste de equipo unha drástica caída dos ingresos, que lle levarán a incorrer nunhas perdas de 17 millóns de euros ao final deste exercicio, e argumenta que o custo de persoal, principal partida de gasto, non se reduciu acorde á forte caída produtiva e ao descenso da cifra de negocio.

Tragsa, que forma parte do hólding de empresas da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), ten presenza e implantación en toda a xeografía do Estado, dispón de medios humanos cualificados, maquinaria pesada, auxiliar, elementos de transporte, vehículos de obra, e tecnoloxía propia para realizar todo tipo de traballos en materia de desenvolvemento do medio rural e conservación da natureza.

O pasado venres, en torno a 200 traballadores da empresa pública participaron nunha asemblea en Compostela e concentráronse posteriormente con pancartas con mensaxes en contra do expediente de regulación de emprego (ERE).

 

También te puede interesar