Tras o éxito de ‘Pradolongo’ e ‘Vilamor’ , o director Ignacio Vilar empezará a rodar en Ourense, o vindeiro día 15, a rodaxe de ‘A Esmorga’, baseada na obra mestra do mesmo nome escrita por Eduardo Blanco Amor.
O proxecto foi presentado este mércores en Ourense polo propio director, o conselleiro de Cultura, o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, o presidente da Deputación e o alcalde da capital.
Segundo salientou Vilar, o filme “respectará a novela porque xa ten moito de cinema”, e subliñou que aproveitará os escenarios da cidade, utilizando “a atmosfera e o contido da novela, que traspasa o tempo porque as súas mensaxes teñen moito que ver co presente”.
O conselleiro de Cultura remarcou que “este traballo é un proxecto moi ambicioso, moi importante para a literatura”. Pola súa banda, o director xeral da Editorial Galaxia destacou que, con esta película, se “recuperan vellos sonos” de levar a obra de Blanco Amor á “gran pantalla”, un proxecto que, lles “enche de orgullo e de responsabilidade”.
A rodaxe alongarase ata o 30 de marzo do próximo ano e,segundo comunicou Vilar aos medios, a gravación prolongarase máis do habitual porque terán “en conta o tempo e a atmosfera, que é fundamental nesta obra”. Desta forma, comentou que espera que a película estea lista para ser estreada nos cines en outubro ou novembro de 2014.