Galicia

Os prezos subiron o mes pasado

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) – o ‘custo da vida’- aumentou en outubro un 0,7% en Galicia respecto a setembro e reduciu catro décimas a súa taxa interanual, ata 0,1%, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Para o conxunto do Estado, o INE confirmou que o IPC aumentou en outubro un 0,4% en relación co mes anterior e recortou, tamén, catro décimas a súa taxa interanual, ata o -0,1%, co que rexistra a súa primeira taxa negativa en catro anos, concretamente dende outubro de 2009.

No caso de Galicia, a taxa interanual segue en positivo, en 0,1%, pero o retroceso en catro décimas débese a caídas nos prezos do ensino en 2,5 puntos -ata 1,6% -, de 1,6 puntos en comunicacióne de 1 punto en alimentos e bebidas non alcohólicas No lado oposto, a taxa interanual dos prezos da vivenda subiu 1,6 puntos, ata 0,2%.

A variación mensual, cun aumento do 0,7% do IPC en Galicia, está motivada principalmente polo repunte do vestido e o calzado, pola tempada de inverno. Os prezos deste grupo de produtos incrementáronse un 12,2% dende o mes anterior. O ensino e o enxoval aumentaron os seus prezos un 0,9% respecto a setembro e a vivenda tamén subiu un 0,7%. Non obstante, en outubro, os prezos das comunicacións baixaron un 1,7% en relación co mes anterior e retrocederon un 1,2% os do transporte e un 0,7% os dos alimentos e as bebidas non alcóholicas.

No que vai de ano, o custo da vida para os galegos acumula unha variación positiva do 0,2%, fronte á taxa negativa (-0,5%) que rexistraba en setembro.

 

También te puede interesar