Sucesos

Dous mortos e 90 feridos nas estradas galegas está fin de semana

O 061 asistiu a 90 persoas debido a 56 accidentes de tráfico rexistrados a fin de semana nas estradas de Galicia. A Central de Coordinación recibiu 69 chamadas avisando de accidentes de tráfico entre as 3 da tarde do venres e as 12 da noite deste luns.

Os recursos sanitarios mobilizados polo 061 ascenderon a 80. En concreto, as ambulancias medicalizadas acudiron a oito sinistros; o helicóptero medicalizado realizou unha saída; as ambulancias asistenciais, 64, e as convencionais, dous; mentres que os médicos de Atención Primaria prestaron asistencia en cinco ocasións.

En 80 casos os feridos foron levados aos centros hospitalarios correspondentes, en tres ocasións a centros de Atención Primaria e en cinco casos recibiron asistencia no lugar do incidente sen necesitar traslado e dúas persoas faleceron no punto do sinistro.

A proporción de homes atendida foi do 63% e a de mulleres do 37%. En canto ás idades dos feridos, un 35% dos asistidos tiña entre os 20 e 34 anos.

Por provincias, a de Pontevedra rexistrou, con 24, o maior número de accidentes durante os desprazamentos da fin de semana; seguida da Coruña, con 18; Lugo, con oito; e Ourense, con seis.

 

También te puede interesar