Os alcaldes e representantes de 13 concellos da bisbarra de Ferrol acordaron cos membros do Comité de Empresa de Navantia impulsar unha “unidade de acción encamiñada a lograr encargos para a construción naval” e, ao tempo, “demandar que os Presupostos Xerais do Estado inclúan financiamento para a construción do dique flotante que permita a reparación de grandes buques”.
Así acordouse nunha reunión no Concello ferrolano na que participaron os alcaldes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Ortigueira, Cerdido, Pontedeume, Mugardos, Valdoviño, A Capela, Cerdido, San Sadurniño e Cabanas, ademais de representantes de Neda.
En coincidencia co encontro, os traballadores do cadro de persoal de Navantia Ferrol e Fene concentráronse ante o Concello, na praza de Armas, onde colocaron unha pancarta coa frase ‘Nin dique nin flotel, as mentiras do PP, carga de traballo xa’. O próximo día 18 protagonizarán unha nova manifestación.
Segundo explicou o alcalde de Ferrol, o “popular” José Manuel Rey Varela, solicitarase que o presidente da Xunta reciba os traballadores antes do próximo día 18. Estes agardan que o presidente Feijóo informe, “antes dunha semana”, sobre a situación das xestións realizadas ante a Unión Europea para a construción do dique flotante. Tamén solicitarán información sobre o concurso para o contrato dos floteles para Pemex, que a petroleira resolverá o 30 de decembro.
Alcaldes e traballadores acordaron impulsar o debate no Congreso da iniciativa que fora aprobada no Parlamento de Galicia o 3 de decembro e que recollía a “esixencia de carga de traballo, a oposición á perda de empregos e ao peche de centros, e o levantamento do veto á construción naval civil e as restricións actuáis”. Os representantes políticos comprometéronse a formular que, a través dunha emenda aos Presupostos Xerais do Estado, se dote de financiamento para a construción do dique flotante.
“Hai un responsable que é o PP, que ten maioría absoluta en Galicia e en Madrid”, asegurou o voceiro do Comité de Empresa de Navantia Ferrol quen engadiu que se se aproba a consignación para o dique no Senado “non hai máis desculpa porque teñen a maioría”.