O grupo municipal do BNG propuxo este venres que o Concello invista os seis millóns de euros adicionais cos que vai contar en 2014 -procedentes do superávit de 2012- na rexeneración das parroquias, en melloras de accesibilidade e no Casco Vello.
Iolanda Veloso lembrou que esas propostas xa foron sinaladas polos nacionalistas hai meses como prioritarias e subliñou que “seguro que a tramitación do investimento deses 6 millóns será máis rápida que a tramitación do plan social contra a crise”.
A voceira nacionalista lamentou que o alcalde “se dedique máis á estética que á ética”, e advertiulle a Abel Caballero que preside un “goberno en minoría que debe negociar ou, polo menos, debater coa oposición”.
Pola súa banda, Caballero asegurou en rolda de prensa que escoitará “atentamente” as suxestións do BNG con respecto ao destino deses seis millóns de euros, aínda que advertiu de que, por lei, non se poden inverter en proxectos que xeren gasto corrente.
Nese sentido, recoñeceu que a súa intención inicial era destinar ese diñeiro á construción de dúas novas gardarías, pero o interventor lle advertiu de que sería ilegal, segundo as indicacións do propio Goberno.
Do mesmo xeito, como indicou, tampouco podería destinarse a ampliar o programa de cheques sociais a familias necesitadas, porque se consideraría tamén gasto corrente.