A Secretaría da Muller da CIG de Vigo ven de convocar unha concentración o luns, 8 de marzo, dia Internacional da Muller Traballadora, diante do Hospital da Cruz Vermella, na rúa Cánovas del Castillo, ás 12.30 para amosar a solidariedade co persoal deste centro sanitario, que son na súa imensa maioría mulleres traballadoras.
Denuncian con esta concentración a importante destrución de emprego feminino en tempo de crise, cando “esta suposta entidade benéfica recebeu 300.000 € para fomentar o emprego“, e agora o único que pretende é “despedir barato, e especular co edificio cedido polo concello“, trasladando alí as súas oficinas e vendendo o mobiliario da rúa Ecuador.
Ademais esta movilización, segundo as responsables da CIG, quere por de manifesto que cando se pechan centros sanitarios e de atención a persoas con poucos recursos e pacientes de longa duración a quen afecta en maior medida é tamén ás mulleres, coidadoras e que agora polos traslados fóra da área sanitaria de Vigo destes pacientes verán como a súa vida de novo se altera, xa que para visitar a súa familia terán que trasladarse ás residencias privadas a que están a ser trasladados, en Aldán, Lalín, Pontevedra, un caso en Lugo e mesmo a casas tuteladas.
A Secretaría da Muller advierte que estes traslados “afectan tanto a vida das familias como a atención que van recibir estes pacientes“, que “non disporán do mesmo trato” nin terán as mesmas visitas, pola distancia das súas casas, o que pode ter consecuencias na súa saúde e na do seu entorno.