Destacados

20.000 € por cada euro xogado na Lotaría do Nadal deste domingo, a primeira que paga impostos

O Sorteo Extraordinario de Nadal repartirá un premio ‘Gordo’ de 400.000 € ao décimo e será o primeiro polo que haxa que pagar impostos, debido ao novo tributo de Lotarías, en vigor dende este ano, que grava cun 20% os premios a partir de 2.500 €.

Os Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha) lembran que o novo tributo se aplicará á parte do premio que exceda os 2.500 €, é dicir, que se o premio obtido fose de 6.000 € por un décimo, a cantidade afectada polo tributo sería 3.500 euros e Facenda ingresaría 700 € o 20 %.

A retención practicaraa directamente Lotarías e Apostas do Estado, polo que o agraciado recibirá o importe do premio co imposto xa aplicado e só terá que preocuparse de tributar polos rendementos que xere, como os intereses bancarios ou, no seu caso, polo Imposto de Patrimonio.

Outra consideración importante a ter en conta para aqueles que resulten agraciados é que a contía dos premios se integrará na declaración da renda, pero non se incluirá na base impoñible do IRPF, polo que non lles afectará á hora de pedir unha bolsa, prestacións asistenciais ou non contributivas ou calquera outra axuda pública.

O sorteo repite premios este ano cun primeiro premio de 4 millóns de euros, un segundo premio de 1,25 millóns de euros e un terceiro, de 500.000 €. Así mesmo, como o ano pasado, haberá dous cuartos premios de 200.000 € e oito quintos de 60.000 €.

Dito doutro xeito: por cada euro xogado, os acertantes do primeiro premio levaranse 20.000 €; os do segundo, 6.250 €; os do terceiro, 2.500 €; os dos cuartos, 1.000 €; e os dos quintos, 300 €.   Ademais, haberá dúas aproximacións premiadas con 20.000 € para os números anterior e posterior ao de que obteña o primeiro premio, outras dúas aproximacións de 12.500 € para os números anterior e posterior ao segundo premio e dúas aproximacións máis premiadas con 9.600 € para os que se acheguen ao terceiro premio.

 

También te puede interesar