
O alcalde visitou as instalacións da Asociación de Axuda ao ecesitado (AFAN) e eloxiou o “espléndido traballo” que realiza a Asociación e a súa presidenta, Tensi Fernández, “que está aquí día e noite”. Abel Caballero salientou que este ano o Concello aportou 97.000 € unha cantidade que “casi quintuplica” os 20.000 € que entregaba o municipio o ano 2011.
Atrás quedaron as críticas da presidenta de AFAN á actitude de Caballero e, afortunadamente, o perigo de que a asociación deixe de traballar a prol das 500 familias ás que atende e que a piques estivo de acabar no peche da mesma o pasado mes de xuño, cando as débedas que tiña superaban os 20.000 €. Naquelas datas, a propia Tensi anunciou que non podía seguir adiante e que AFAN non tiña recursos para rematar o mes.
O alcalde lembrou que, no ano 2013, o concello incrementou nun 750% o apoio aos comedores sociais da cidade con respecto a hai dous anos, sumando un total de 636.000 €, “nada que ver co que está a facer a Xunta, que rebaixou un 12% as partidas de Benestar…a mesma cantidade na que aumentaron as aportadas polo Concello”.
Con estas accións, engadiu Abel Caballero “tratamos de cubrir as necesidades” provocadas pola crise e comentou que “hai unha parte da cidade que o está a pasar moi mail e a cidade está tratando de resolver o problema o mellor que pode con toda esta aportación”.