Unha nova fronte, en Galicia, dende o venres

Unha fronte moi activa atravesará Galicia dende este venres, deixando ceos anubrados ou moi anubrados, con precipitacións localmente fortes principalmente pola tarde; xa pola noite as precipitacións quedarán en forma de chuvascos ocasionalmente treboentos e acompañados de sarabia. A cota de neve baixará ata os 1.200 metros ao final do día.

Segundo a previsión de MeteoGalicia– As temperaturas ascenderán, de xeito máis acusado nos valores mínimos, nos que o ascenso será notable; por cidades as máxinas as terán A Coruña, con 17º, Ferrol, con 16, e Vigo con 15º (e unha mínima de 14); en Lugo e Santiago os termómetros baixarán ate os 12º.

Os ventos soprarán do sudoeste fortes en toda Galicia, moi fortes principalmente no litoral e zonas altas; xa cara á noite irán amainando a moderados en xeral, quedando fortes na costa e nas zonas montañosas. A Axencia Estatal de Meteorología (Aemet) ven de activar alerta amarela por choiva e vento nas provincias de Pontevedra, A Coruña e parte de Lugo; e laranxa no mar.

O sábado agárdanse intervalos anubrados, con chuvascos, localmente acompañados por aparato eléctrico e sarabia. As temperaturas sufrirán un moderado descenso. A cota de neve situarase nos 800 metros descendendo a 700 metros pola noite.

Por cidades, A Coruña e Ferrol terán 12º, Vigo 11 (cunha mínima de 9); en Santiago e Lugo as mínimas baixarán ate os 5º.

 

También te puede interesar