Vigo al minuto

SOS Sanidade Pública advirte que co convenio de Povisa e o novo Hospital a Sanidade de Vigo está en mans privadas

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública criticou este domingo que o acordo entre Povisa e o Sergas -asinado o venres– estivo “como sempre rodeada de escurantismo e falta de transparencia”, unha cuestión que fai “temer o peor” para os intereses xerais.

Nun comunicado, a Asociación explica que os conflitos de intereses entre a empresa e os altos cargos da administración sanitaria, “obrigan a esixir” que este convenio sexa anulado.

A renovación do convenio por dez anos deixa “en mans privadas toda a atención especializada da área sur de Pontevedra, unha vez que entre en funcionamento en Novo Hospital de Vigo”, subliña SOS Sanidade Pública.

Ademais, coa libre elección, “Povisa poderá seleccionar anualmente os seus pacientes eatender os seus intereses empresariais” xa que lle permite “captar pacientes e ofertar servizos fóra da súa área actual”.

Tamén censura que este convenio suporá “un custo de 75 millóns de euros anuais” para os cidadáns galegos, “sen contar co gasto farmacéutico nin a facturación dos servizos de referencia de queimados, maxilofacial e cirurxía”, cedidos pola Xunta a este centro privado.

SOS Sanidade Pública subliña que “non parece xusta nin razoable esta enorme subvención pública a un centro privado con serios problemas de eficiencia mentres se recorta en asistencia, conxélase a mellora da Atención Primaria e paralízase a actividade dos hospitais pola tarde”.

Así mesmo, denuncia que se introduce “todo tipo de copagamentos a persoas con importantes necesidades asistenciais e baixo nivel de renda”, ao tempo que se “baixan os salarios e condicións laborais dos traballadores sanitarios públicos”.

A Asociación remata indicando que o convenio entre o Sergas e Povisa “supón unha burla” para os cidadáns galegos, “especialmente para os atendidos por Povisa no Morrazo, Coia e Valmiñor que soportan unha lista de espera que duplica a dos hospitais públicos, á vez que reciben menos servizos asistenciais”.

 

También te puede interesar