Deportes

A Selección Galega de Balonmán xoga este sábado en Pontevedra

A selección galega absoluta enfrontarase este sábado, día 4 de xaneiro, en Pontevedra ao Cisne, para conmemorar o cincuenta aniversario do club pontevedrés. O combinado galego, adestrado nesta oportunidade por Víctor García Borrás“Pillo”, ten un altísimo nivel con oito xogadores de Asobal.

O Club Cisne Balonmán celebra no 2014 o cincuenta aniversario da súa creación (1964) e organizará durante todo o ano un extenso programa de actos, que comezará coa celebración do “Memorial Manuel Luaces”, que xa vai pola vixésima edición. Ademais, nesta oportunidade terán enfronte á selección galega absoluta.

O presidente do Cisne, Santi Picallo, explicou que será unha festa do balonmán (Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, en Pontevedra, entrada gratuíta). “Comezaremos ás catro da tarde cun partido infantil entre o Cisne e a SAR de Redondela, e despois tamén participarán os equipos alevín e benxamín. Queremos que sexa unha festa de todas as categorías do club”, manifestou.

Así, o prato forte será ás 8 da tarde disputa do partido Galicia-Cisne, “ademais Pillo fixo un equipo espectacular, pero plantaremos cara con moita dignidade”.

Neste novo encontro da Selección Galega sénior figuran oito xogadores de Asobal. O Frigoríficos do Morrazo é o conxunto que máis deportistas aporta (David García, Serafín Pousada, Suso Soliño, Adrián Rosales, Dani Cerqueira) e ademais formarán parte do equipo galego Javi Díaz (Villa de Aranda), Rodrigo Corrales (Huesca) e Diego Piñeiro (Ademar León), Toño Fernández (Artabro), Carlos García e Víctor Rodríguez (Teucro).

 

 

También te puede interesar