O Goberno insiste en que a curva de Angrois estaba no proxecto inicial e non se fixeron alegacións ao mesmo

Así o asegura en varias respostas parlamentarias a preguntas de deputados de Esquerda Plural e do BNG. A xuizo do Executivo, o trazado da curva de A Grandeira –en Angrois- onde o pasado 24 de xullo un tren Alvia procedente de Madrid se saíu da vía e causou a morte de 79 persoas e deixou máis de 140 feridos, formulouse dende o primeiro borrador do proxecto de construción da liña, e que nunca se formularon alternativas ao devandito trazado, que tampouco recibiu ningún tipo de alegación durante o trámite de información pública.

O Goberno asegura que “o trazado en curva a partir do punto quilométrico 84 +230 contemplábase en todas as alternativas do Estudio Informativo do tramo Orense-Santiago” e que “non tivo obxeccións” por parte de ningún organismo ou institución durante a información pública.

Fomento asegura que a sinalización en todo ese tramo “se axusta ao establecido no Regulamento Xeral de Circulación” e que a velocidade deste tramo -onde se pasa de 200 km/h a 80 km/h en menos dun quilómetro- está recollida no Cadro de Velocidades Máximas e no Libro Horario seguindo o Regulamento Xeral de Circulación.

Neste sentido, subliña que a compatibilidade do cambio de velocidade e a curva está recollida no Estudio Informativo do Proxecto do Acceso Ferroviario a Galicia. Eixe Orense-Santiago, que foi redactado “de acordo coa normativa técnica vixente e sometido a un proceso de información pública previo á súa aprobación”.

Ademáis, o Goberno lembra que “a seguridade dos trens depende do maquinista apoiado polos sistemas de seguridade en vía e embarcado, que neste caso concreto son ASFA e o denominado ‘home morto” a pesar de que o sistema ERTMS nivel 1 -máis moderno que o ASFA- está “operativo” no tramo onde se produciu o accidente dende “a posta en servizo da liña en decembro de 2011” sen que se rexistraran problemas.

Precisa tamén que o sistema ERTMS entre Orense e Santiago está valorado no Proxecto de Instalacións de Seguridade en 13,7 millóns de euros e precisa que o mantemento destas instalacións está encomendado á unión temporal de empresas (UTE) formada por Antalsis, S.L., Thales Transporte Signalling and Security Solutions, S.A.V., Cobra Instalacións e Servizos, S.A., e Dimetronic, S.A.

 

You may also like