Alerta na Mariña por un temporal de vento con refachos de máis de 100 quilómetros hora

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ven de alertar dun temporal de vento en terra que afectará este martes á zona da Mariña de Lugo. Segundo indica a Vicepresidencia da Xunta, os refachos máximos empezarán a partir da mañá deste martes e está previsto que superen os 100 quilómetros por hora.

Así mesmo, este martes continúa activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego, xa decretado o luns. Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a costa das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra estará baixo os efectos dun fenómeno de mar combinado con ondas que poderán alcanzar os seis metros de altura.

Por este motivo, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias, a través do 112, informou da situación os concellos das tres provincias afectadas; as deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubes náuticos, entre outros.

Dadas as condicións meteorolóxicas adversas, a Xunta fai un chamamento á poboación para que extreme as precaucións e eviten achegarse a diques e rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

 

También te puede interesar