Todo o litoral galego estará dende o mediodía deste sábado en alerta vermella por ondas de máis de 8 metros, que poden alcanzar os 10 metros na costa de A Coruña.
Segundo o Boletín de tempo meteorolóxico publicado por MeteoGalicia, a borrasca centrada en Irlanda profundiza e desprázase cara ao Oeste, polo que ao litoral galego chegarán ventos intensos de compoñente Oeste, forza 7 con núcleos de forza 8 e ondas que, a partir do mediodía, superarán os oito metros.
Así, entre as 6 da maña e o medidodía deste sábado, o aviso será laranxa no litoral galego por ondas de entre 5 e 8 metros e pasará a vermello a partir das 12. Mentres, o aviso será amarelo durante toda a xornada do sábado por vento no mar no litoral de A Coruña e A Mariña lucense por ventos de compoñente Oeste, forza 7 con núcleos de forza 8.
MeteoGalicia indica que a entrada de aire frío deixará espesores de neve, polo que na montaña ourensana e de Lugo o aviso será amarelo a partir das 6 da mañá por acumulacións de neve superiores aos cinco centímetros e no Sur de Ourense superiores a dous centímetros.