Responsables de CIG denunciaron este mércores que o Bispado de Ourense enviou unha carta de despedimento a un traballador tras denunciar nunha rede social que estaba sometido a “explotación laboral”.
Nunha rolda de prensa, os responsables sindicais Etelvino Blanco e Carmen Vázquez explicaron a situación laboral, mentres que ás preguntas dos xornalistas respondeu o ex traballador baixo o nome suposto de “Manuel” e tras pedir que a súa imaxe non saia nos medios por temor a represalias.
Segundo explicou, tivo un posto de traballo durante cinco anos na portería da Casa Sacerdotal, anexa ao edificio do Bispado e cando o contrataron sabían que chegaba “en situación de solicitante de asilo político dende El Salvador” e que “non era católico, senón protestante”.
Os responsables sindicais amosaron unha folla que identificaron como o documento que lle entregaría o Ecónomo da Diócese de Ourense e no que se detalla a súa ocupación cada hora do día, dende as 8 menos cuarto da mañá ata as 1 da noite, polo que o contrato de 40 horas semanais “era en realidade de 80”.
“Pasei anos durmindo na mesma Casa Sacerdotal, onde viven os sacerdotes enfermos ou moi maiores, pois me dicían que así aforraba diñeiro porque os inmigrantes vimos todos para traballar e aforrar para enviar á casa”, detallou o extraballador.
Segundo o seu relato, os seus descansos eran de 15 minutos e cando empezou a ter coñecemento dos seus dereitos laborais, hai uns meses, conseguiu autorización para saír a durmir á súa casa e descansar dende o sábado pola tarde ata o domingo pola tarde.
“Aínda así, dicíanme que era mellor que volvese durmir na Casa Sacerdotal, e cando en novembro de 2013 me puxeron unha sanción leve por quedar durmido, queixeime na miña rede social, pero con acceso restrinxido, porque me explotaban e porque me parecía mentira que isto acontecese nunha institución que fala dos pobres e de amor aos demais”, remarcou.
En novembro detallou a súa situación no sindicato e este presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo, situada no mesmo edificio sindical de Ourense, e segundo Vázquez, “está claro que a inspección actuou rapidamente porque a carta de despedimento lle chegou tres días despois”.
A partir dese momento, o traballador recibiu chamadas “e presións do director e do Ecónomo” para que renunciase a continuar o proceso xudicial pois “Ourense é moi pequeno”, segundo lle dixeron, e poderían privalo “dunha carta de recomendación para traballar en calquera outro lugar”. O despedido aínda tivo unha entrevista co Ecónomo del Obispado no que volveu vincular o seu despedimento co “publicado na súa rede social” e agora espera xuízo.
Os responsables sindicais defenderon que esperan Xustiza e que non descartan acudir a outras vías xudiciais, ademais da laboral, para “poñer en evidencia o lamentable desta situación e máis nunha institución que predica con doutrina social propia contra a explotación dos traballadores, o que o fai máis aborrecible”.
Pola súa banda, o Bispado, a través dun comunicado, detallou en poucos parágrafos a situación denunciada como “despedimento disciplinario a un traballador que desenvolvía a súa actividade na Casa Sacerdotal”, ademais de que o devandito traballador “presentou unha demanda para que o despedimento se declare improcedente e a cualificación corresponderá ao xulgado do social número 3 de Ourense”.
Tras facer constar que para a Diocese de Ourense “é prioritario no seu proceder, o respecto e o coidado aos dereitos e a dignidade de todos os seus traballadores”, manifesta que por respecto ao labor da Xustiza declina “facer calquera outra declaración a este respecto, mentres dure o procedemento xudicial”.