A Comisión Escolar de Alertas acaba de determinar – polo fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por vento de máis de 100 quilómetros por hora- a suspensión das actividades no exterior das instalacións dos centros educativos da provincia da Coruña e na Mariña lucense a partir das 6 da tarde deste venres, 7 de febreiro.
Aínda que non se suspende a actividade docente nin o transporte escolar, a Comisión Escolar de Alertas recomenda o seguimento das predicións meteorolóxicas, e no caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado (laranxa) e pasase a unha declaración de nivel vermello, ou existisen circunstancias que o aconsellasen, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión da actividade docente.