Deportes

As seleccións galegas de taekwondo sénior, júnior e cadete concéntranse esta fin de semana

Fotografía: Federación Galega de Taekwondo

As seleccións galegas sénior, júnior e cadete de taekwondo continúan co seu traballo de preparación para os campionatos de España. Desta forma, o sábado 8 de febreiro terán un novo adestramento, tal e como veñen facendo dende o inicio do ano.

Así, os seleccionadores galegos sénior convocaron ás seleccións galegas sénior masculina e feminina a unha sesión de traballo que se celebrará o sábado 8, a partires das 11:00 horas, no CGTD. Os convocados para este adestramento son: Laura Lorenzo (-46, Tao), Beatriz Parada (-49, Area), Gaila Fernández (-53 Sares TKD), Sara García (-57, Dobok), Katia Calvar (-62, Mat´s), Lara Ouviña (-62, Mat´s), Lúa Piñeiro (-67, Natural Sport), Tania Gándara (-73, Luar) e Sabela López (73, Patiño), na categoría feminina e Miguel Martínez (-54, Natural Sport), Miguel Cobas (-54, Natural Sport), Juan Fernández (-58, Natural Sport), Borja Ríos (-58, Hebe), Luis Reiriz (-63, Mat´s), Francisco Padín (-68, Natural Sport), Fernando Rascado (-80, Natural Sport), Ángel Parada (-80, Natural Sport), Pablo Fernández (-87, Mat´s), José Real (-87, Natural Sport) e Eugenio Barral (87, Kido), na masculina.

Os sénior non son os únicos en traballo. Así as seleccións júnior masculina e feminina, que acudirán ao campionato de España a próxima semana, están convocadas para unha sesión de adestramento que se celebrará o día 8 de febreiro (11:00 horas) no Ceip Marcos da Portela, en Monteporreiro. Os adestradores convocaron a 28 deportistas (14 rapaces e 14 rapazas). Por último, sinalar que tamén hai un adestramento para as e os cadetes galegos para o que foron convocados un total de 41 taekwondistas. Esta sesión celebrarase tamén o día 8 no Ceip Marcos da Portela.

Xornadas de tecnificación. O domingo 9 de febreiro celebrarase unha nova xornada de tecnificación infantil en Monforte de Lemos con trinta rapaces nacidos entre os anos 2000 e 2003.

Este proxecto comezou a finais do 2013 con Estefanía Hernández como responsable das provincias da Coruña e Lugo e José Antonio Carregal de Ourense e Pontevedra. Os obxectivos destas xornadas son a formación e participación activa de deportistas e adestradores, ademais de facilitar un seguimento dos que amosan aptitudes axeitadas para a competición. Nestes meses xa se celebraron varias xornadas e a resposta dos nenos e nenas é moi positiva e pódese apreciar como aumenta o número de inscritos a medida que pasan as semanas.

 

También te puede interesar