Galicia

Concentracións nos concellos das cidades galegas para concienciar sobre a doación de médula ósea

Pontevedra, Ourense, Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo sumaranse este sábado ao mediodía á iniciativa de concentracións populares para difundir información sobre a doazón de medula.

Este 8 de febreiro, Unidos pola Medula, unha asociación sen ánimo de lucro cuxo fin “é acabar coa grande desinformación que existe”, segundo afirma, sobre a doazón de medula, organiza “unha grande quedada” en 47 cidades do Estado para difundir información sobre a doazón de medula, entre elas seis urbes galegas.

A xornada, que comezará ao mediodía fronte aos concellos de Pontevedra, Ourense, Lugo, Santiago, A Coruña e Vigo, centrarase en informar a todos os asistentes e medios de comunicación “sobre a importancia e o sinxelo que é doar medula”, segundo indica a organización.

“O obxectivo desta campaña popular, que se realizará sen máis medios que persoas comprometidas con esta causa, é concienciar os cidadáns sobre a doazón de medula ósea, para o cal se repartirán folletos e se conversará coa xente”, explica a asociación.

“Queremos chegar ao maior número de persoas para que esta mensaxe chegue moi lonxe”, explica Unidos pola Medula. “Na nosa sociedade, aumentar o número de doadores de medula ósea é vital. Trescentas persoas ao ano que necesitan un transplante de medula en España para vivir nunca atoparán ese doador compatible”.

 

También te puede interesar