Galicia

‘Ulla’ deixa árbores caidos, voos cancelados, un camión emborcado e refachos de máis de 160 por hora

FOTOGRAFÍA: RADARES DE VIGO

Ulla’, que así se chama esta cicloxénese ou ciclón ou o que sexa, que afecta a Galicia, deixou xa refachos de 167 quilómetros por hora en Burela, e 157 en Cedeira. Segundo os datos de MeteoGalicia, o vento marcou os 139 quilómetros por hora nos Ancares, os 130 en Vimianzo e os 121 en Abadín.

Ademaís deixou refachos de 120 quilómetros por hora en Lousame, 115 km/h en O Xurés, 109 en Oia e 104 quilómetros por hora no campus de Vigo.

Hai que lembrar que este venres Galicia está en alerta debido a unha borrasca moi profunda que deixará ventos fortes en todo o país con refachos superiores aos 100 quilómetros por hora nas horas centrais do día.

Ata media mañá, o vento obrigou a desviar catro voos a Oporto (Portugal) e Asturias e a cancelar outro ao non poder aterrar no aeroporto compostelano de Lavacolla. Segundo Aena, nas primeiras horas deste venres foi cancelado o voo de Air Nostrum Bilbao-Santiago das 8,30 horas. Pola súa banda, o Ryanair Madrid-Santiago das 7 e media da mañá e o Barcelona-Santiago das 8 e 10,  foron desviados ao aeroporto de Oporto ao non poder aterrar en Lavacolla.

Tamén foi desviado a Asturias o voo da compañía Vueling das 8 e media, procedente de Barcelona e o Ryanair Valencia-Santiago das 9 menos vinte a Oporto.

Os pasaxeiros dun tren Alvia procedente de Ferrol tiveron que ser trasbordados este venres a outro convoi, por unha parte, e en autobús, por outra, ao retroceder ata Betanzos (A Coruña) tras arrastrar unha árbore que caera sobre a vía debido ao forte vento.

Segundo informou Renfe, o tren das 7 e cuarto que facía a ruta Ferrol-Madrid, pasando pola Coruña, arrastrou unha árbore sobre pasadas as 8, nun tramo entre Betanzos-Infesta e O Burgo.

O tren circulaba con 12 pasaxeiros a bordo, tres dos cales foron levados ao seu destino, A Coruña, en autobús, mentres que o resto foron trasbordados a un Alvia con destino Madrid que pasa por Lugo. Para iso, o Alvia que arrastrou a árbore retrocedeu ata Betanzos, onde foron trasbordados os pasaxeiros que seguían ruta no tren que pasa por Lugo destino a capital madrileña.

Fontes de Renfe adverten de que é posible que esta xornada, debido ao temporal de vento, poidan ter outras incidencias similares.

Pasadas as 11, o tráfico na ponte internacional, que vai de Tomiño a Cerveira, quedou cortado logo de que un camión emborcase- como pode verse na foto de @radaresdevigo. Segundo a Garda Civil de Tráfico, o conductor perdeu o control polos fortes refachos e a choiva e quedou no medio da calzada, sen que o chofer sufrise danos de consideración. Á hora de redactar esta información non se podía circular por él.

 

También te puede interesar