Deixou Vigo para irse a Londres, dende alí a Filipinas, “onde coñecín a uns hindúes que facían cine”, acabou traballando en Estados Unidos e agora é o director de fotografía de ‘A Esmorga’, a película baseada na novela de Eduardo Blanco Amor que está a rodar Ignacio Vilar.
Así resume Diego Romero Suárez-Llanos, a súa traxectoria profesional, que discurriu polo cine europeo, asiático e norteamericano e que, por primeira vez traeuno a traballar “á Península Ibérica”, como comenta Ignacio Vilar.
Este vigués móvese con calma polo ‘plató’ da rodaxe deste filme, na Praza da Imprenta, en Ourense, diante dun edificio, baleiro -que ten que pasar por unha casa de putas- agardando a que esté terminado todo o artellado da iluminación.
A rodaxe desta película non lle parece máis complicado que a doutras nas que foi o responsable da fotografía e tampouco amosa unha emoción especial por rodar en Galicia, “estiven este verán en Vigo…agora veño máis, pero pasei moito tempo sen voltar”. Aceptou o traballo porque un amigo común o puxo en contacto con Ignacio Vilar, “quedamos, falamos, quedamos de novo e dixen que si”, comenta. Sobre a posibilidade de traballar aquí ou quedar a vivir en Vigo, non hai dúbidas, “marchei porque estaba canso…e ademáis cando estou nun sitio máis de tres meses, abúrrome…por iso cambio tanto de lugar…”, “eso mola”, decímoslle, “sí pero é moi cansado”, contesta, “pero mola máis que cansa”, insistimos… e cede: “é verdade, mola máis que cansa”.
Xunto con él, na rodaxe, que xa entrou no frio e está entrando na madrugada, hai outro vigués, Antonio Durán, ‘Morris’, que interpreta a ‘Milhomes’. Baixo un paraugas enorme que tapa os focos da choiva, que arrecia e para, comenta que o traballo “vai moi ben”. Sobre A Esmorga advirte que “mal vamos se pretendemos facer unha comparación entre o libro e a película, son linguaxes distintos…dous xeitos de contar as cousas…ainda que sempre que unha palícula baséase nunha novela hai esa tentación inevitable de mirar a unha e a outra”.
Nos ensaios de cámara, que se repiten, ‘Morris’ deixa de ser él e faise ‘Milhomes’, agarrado por Karra Elejalde- ‘Bocas’-, “ollo, Piolla, a min no me falta ao respeto ningunha pendanga”.
Entre toma e toma, ainda temos tempo para falar algo con Ignacio Vilar- se cadra o terceiro vigués da rodaxe á vista do tempo que leva xa na cidade- que amósase encantado de poder rodar na Capela do Santo Cristo, na catedral de Ourense, “algo inaudito…e que é esencial na película…de feito Blanco Amor empeza a trama da Esmorga porque, sendo cativo ve, dende a casa na que vivía na Praza Maior, unha pelexa durante unha procesión…imaxinade, alá por 1920…e máis tarde escribe un relato no que o protagonista esnaquiza o Cristo”…coincidimos en que quen deu o permiso non leu A Esmorga, “non”, rí.
A escena está terminada…e vale. Ainda quedan horas de rodaxe…non para nós, xa é madrugada e ainda temos que voltar a Vigo. Despedímonos…ata o día de Ribadavia, “na Papuxa”, repite Ignacio, “unha taberna que ainda conserva o chan de terra”…e vámonos polo casco vello de Ourense sen que se nos quite a canción que repetían ‘Bocas’, ‘Milhomes’ e ‘Cibrán’…” pasei pola túa porta, ollei pola pechadura, chamei pero non abriches, corazón de pedra dura”.