A mostra ‘106 anos de Laxeiro’, na que se homenaxea o pintor, foi inaugurada este sábado polo conselleiro de Cultura, no marco da XLVI Feira do Cocido.
Esta exposición reúne un total de 22 obras de Laxeiro da colección da familia Alcalde-Varela realizadas en diferentes técnicas -como óleos, acuarelas, tintas e lapis- nas que aborda temáticas como a visión da infancia, a maternidade, as celebración festivas e diversas cuestións populares galegas.
Con motivo da coincidencia da efeméride do nacemento de Laxeiro e a celebración do día grande da Feira do Cocido de Lalín abriuse esta exposición, ‘106 anos de Laxeiro, 23-F-1908/23-F-2014’ coa colaboración da familia Alcalde-Varela e o artista plástico Antón Lamazares.
O conselleiro subliñou a importancia de Laxeiro, que “nutre con elementos valiosísimos a identidade de Galicia. Na obra de Laxeiro atopamos unha visión maxistral dos trazos comúns das persoas da nosa vida cotiá”, destacou.
Esta exposición poderá ser visitada ata o próximo 24 de marzo no Castro Tecnolóxico de Lalín.