A Asociación Cultural ‘O Coto’ volta a organizar hoxe un novo ‘Sábado de cine e libros’, no que o fundamental é pasalo ben namentres podes intercambiar o teu libro favorito con outros ou disfrutar de películas de calidade que non é habitual ver nos circuítos comerciais.
Nesta ocasión poderase ver ‘La suerte de Emma‘, un filme alemán de Sven Taddicken rodado en 2006 e Gran Premio do Público no Festival de Sevilla que fala sobre a vida e a morte. E cunha historia que non che deixará indiferente: Max, un mediocre empregado dun concesionario de coches, recibe de pronto a noticia de que padece cáncer terminal de páncreas. Proponse pasar entón os últimos días de vida nalgún paraíso mexicano, pero o azar dun accidente conduceo a unha granxa de porcos rexentada por Emma, unha moza arisca, solitaria e agobiada polas débedas. Alí Emma sacrifica ós porcos a súa maneira: os trata con cariño ata o último día. A vida de Max e Emma cambiará totalmente ao coñecerse.
Por suposto, estás invitado ao café que acompaña ao coloquio tras ver a película. Se queres máis información podes visitar a web de O Coto ou chamar aos teléfonos 986 487 957 ou 676 524 529.
Todo comezará ás 20 horas e durante as actividades haberá un obradoiro de xogos, lectura e manualidades para que os nenos tamén disfruten atendido por persoal da asociación. A cita será, coma sempre, no colexio público Carballal-Cabral.