Cultura

Dende o luns, os rapaces teñen clase en Vitrasa

vitrasa04/miralba.orgA partir do luns 15 de marzo, e como cada ano, Vitrasa comeza co calendario de visitas escolares ás súas instalacións co obxectivo de mostrar aos escolares de Educación Primaria e Educación Especial o funcionamento do transporte urbano en Vigo. Desde que deu comezo esta actividade no ano 2005, máis de 10.000 nenos de Vigo coñeceron o funcionamento do transporte público da cidade.

Recollida nos centros escolares e viaxe en bus

Os nenos que participan nesta actividade son recollidos por un autobús da concesionaria nos seus centros de estudo, e están acompañados durante todo o percorrido por dúas monitoras. A continuación, son trasladados ata Vitrasa, onde a visita comeza cunha volta en bus pola chaira das instalacións. As visitas, de hora e media de duración, divídense en dous horarios diferentes, comezando unha ás 9:30 e outra ás 11:30 horas. Durante este primeiro percorrido, os nenos poden ver como eran os antigos autobuses e as distintas cores que foron adoptando desde que comezaron a funcionar no ano 1968.

Durante esta visita os escolares tamén coñecen o funcionamento da Tarxeta Verde, que desde a súa implantación no ano 2001, foi adaptada aos diferentes colectivos para facilitar o pago no servizo e facelo máis cómodo e económico.

A seguinte parada desta visita escolar é a gasolineira, onde os autobuses fan a reposición diaria e contabilízanse os datos da máquina billeteira. A continuación, os escolares son guiados ata o tren de lavado, onde gozan da parte máis divertida da visita.

Sistema de Axuda á Explotación

O seguinte punto do percorrido pasa pola zona do taller, onde unha vez fora do autobús, os nenos poden ver como é a zona de pintura, os fosos ou os colectores para os residuos xerados pola empresa. Despois, o grupo divídese en dous, un deles pasa a coñecer a sala de recadación onde os condutores entregan a cantidade acumulada ao longo do día e ao outro se lle explica o funcionamento do Sistema de Axuda á Explotación (SAE). Este sistema permite coñecer en tempo real a localización de calquera vehículo da flota de Vitrasa nas rúas da cidade.

Finalmente, durante a última parte da visita os nenos poden observar a evolución dos autobuses da compañía e da propia cidade a través da colección de fotografías que a concesionaria posúe.

También te puede interesar