Un total de 479.558 galegos residen en países estranxeiros, de eles 101.641 en Europa, segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no estranxeiro (PERE) publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Por continentes, 374.269 galegos residen en América; 101.641 en Europa; 1.693 en Oceanía; 1.019 en Asia; e 936 no continente africano, segundo os datos recollidos no INE.
En total, o número de persoas con nacionalidade española que reside no estranxeiro supera os dous millóns (2.058.048) a 1 de xaneiro de 2014, segundo o Padrón de Españois Residentes no estranxeiro (PERE), que indica un incremento do 6,6% (126.800 persoas) respecto aos datos a 1 de xaneiro de 2013.
Dende que o Instituto Nacional de Estatística (INE) comezou en 2009 a elaborar este padrón, a cifra de españois residentes no estranxeiro non deixou de medrar, xa que nese ano estaban inscritos como residentes habituais noutros países 1,4 millóns.
Os países estranxeiros nos que residen máis persoas de nacionalidade española son Arxentina (404.111), Francia (215.183), Venezuela (188.585) e Alemaña (122.218). Non obstante, en termos relativos, os maiores incrementos durante 2013 rexistráronse en Ecuador (o 51,7%), Colombia (21,5%) e Perú (13,6%).
Máis da metade dos residentes no estranxeiro (o 59,6%) naceu no seu actual país de residencia, mentres que o 34,2% o fixo en España e o 5,8% restante noutros países, segundo os datos publicados este xoves.
O 63,3% das persoas inscritas fóra ten fixada a súa residencia en América, o 33,6% en Europa e o 3,1% no resto do mundo. Os maiores incrementos de inscritos respecto aos datos do ano pasado rexístranse en América (87.611 inscritos máis) e Europa (34.752).
Por grupo de idade, o 14,7% ten menos de 16 anos; o 62,6% entre 16 e 64 anos; e o 22,7% 65 ou máis. En canto ás novas inscricións realizadas durante 2013, a maioría, o 63,9% (108.789) correspóndense ao segundo grupo de idade, de 16 a 64 anos.