A Consellería de Traballo formará a un total de 585 desempregados do sector do naval en situación de desemprego, de xeito que recibirán unha “formación especializada e homologada” entre este ano 2014 e o próximo exercicio.
Ese é o obxecto do convenio de colaboración que firmou este mércores a conselleira de Traballo, co presidente de ASIME. Segundo subliñou Beatriz Mato, Traballo destinará un total de 1,1 millóns de euros estes dous anos a esta iniciativa, o que permitirá executar 39 accións formativas en sete especialidades diferentes: tubería naval, soldador naval, soldador tubería, caldeireiro naval, pintor naval, habilitador naval e electricista naval. Os cursos, que se desenvolverán en Vigo e Ferrol, comezarán de inmediato.
O obxectivo do convenio é permitir ás empresas do sector contar con profesionais “máis preparados e acreditados” para facer fronte aos novos retos aos que se teñen que enfrontar, principalmente pola alianza con Pemex.
Segundo Mato, a cooperación entre Traballo e ASIME “ten sido moi estreita”, e tense materializado a través de avances en prevención de riscos laborais, na posta en marcha de actividades formativas, ou iniciativas novidosas como Empreganav. Este último programa, que vén de rematar, promoveu a reinserción laboral de 450 profesionais do sector.