En contra do que considera o Goberno do Estado – que hai uns días salientaba que a morte dunha prostituta a mans do seu cliente non era un asesinato machista- a secretaria xeral de Igualdade da Xunta asegurou este venres que a Lei galega para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero “prevé como violencia de xénero” ese asasinato así como “os abusos sexuais”.
Así o indicou Susana López Abella logo de que os xornalistas quixesen saber a súa opinión sobre a resposta remitida polo Goberno ao Congreso en resposta a dúas deputadas socialistas, na que sostén que o asasinato dunha prostituta por un cliente non pode considerarse violencia de xénero ao non existir un vínculo afectivo entre o agresor e a vítima.
Con todo, a secretaria xeral mostrouse partidaria de estudar “cada caso” e explicou que o seu departamento “fai un estudo e un informe psicosocial”, así como un “expediente único”, de cada unha das mulleres que “necesitan apoio e axuda”.
A este respecto, López Abella salientou que a Xunta “leva a cabo varios programas de intervención con distintas ONGs de apoio e axuda a mulleres que son vítimas de trata de explotación sexual”. Así mesmo, tamén indicou que o Goberno galego ten subscrito un convenio co fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, para traballar contra a explotación sexual.