Será mediante axudas para o subministro aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos para o curso 2014/2015.
O órgano competente da concesión e aplicación destas axudas, que publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), é o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ente dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar. Están financiadas por fondos de Feaga (Fondo Europeo Agrícola de Garantía) e diríxense aos alumnos de educación infantil, primaria e secundaria.
Poderán solicitar a axuda o centro escolar, unha autoridade educativa para os alumnos que teña baixo a súa competencia, o provedor dos produtos ou unha organización que actúe en nome dun ou máis centros escolares e que estea constituída especificamente para tal fin. Os solicitantes deberán ser autorizados pola directora do Fogga e deberán presentar a solicitude de autorización antes do 31 de xullo.
As solicitudes de autorización deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible dende a sede electrónica da Xunta. Tamén se poderán presentar en papel.
Os produtos beneficiados da axuda comunitaria van dende leite tratado termicamente, leite con chocolate, zume de froitas ou aromatizado –cun contido de polo menos o 90% en peso de leite tratado– ata queixos frescos e fundidos.
Ademais, o Fogga establecerá un plan de controis para garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta liña de axudas, levando a cabo un control administrativo e sobre o terreo, e comprobará que a repercusión de axuda recaia no alumno beneficiado.