A conselleira de Medio Rural asegurou, de novo, no Pleno do Parlamento de Galicia que non haberá sancións por superprodución na última campaña láctea, que concluíu o pasado 31 de marzo.
Segundo publica Galicia Confidencial, a conselleira respostaba a unha pregunta da deputada do BNG Tareixa Paz quen salientou que, dende a entrada de Galicia na Unión Europea, os productores galegos pagaron 200 millóns de euros para adquirir cota láctea, “único caso en Europa”, ante o desaxuste entre a cota asignada a Galicia e a produción real do país. A parlamentaria nacionalista galega preguntou tamén polas medidas que a Consellería adoptou para facer fronte á nova situación.
A conselleira Quintana indicou que, cos datos de que se dispoñen desde o inicio desta campaña, o pasado primeiro de abril, non se desprende que vaia a haber sobreproducción respecto de as cotas.
Sobre a referencia da conselleira a que a situación de cotas foi herdada, a deputada criticoulle a súa “vocación de herdeiros universais” e reprochoulle que se trata dunha herdanza do ex presidente Aznar, nunha situación na que “o actual ministro, Arias Cañete, tivo algo que ver”. Tamén rexeitou o sistema de reparto das axudas no que o 80 % dos recursos destínanse ao 20 por cento dos productores.
A conselleira concluíu pedindo “tranquilidade” á representante do BNG e subliñou que o seu departamento traballa para que o lácteo sexa forte en Galicia e incremente a súa base territorial, como demandou Paz, coa lei de mellora da estrutura agraria, que se atopa nos últimos trámites do Executivo, para ser remitida ao Parlamento.