Comarcas

O BNG, fora dos medios públicos galegos no que resta de campaña electoral

A Xunta Electoral Central (JEC) deu a razón a UPyD e decidiu eliminar o BNG do bloque informativo que os medios públicos galegos dedican á cobertura da campaña previa aos comicios europeos.

Deste modo, os nacionalistas galegos perderán os 27 segundos que tiña asignados dentro do espazo de cinco minutos que a TVG e a Radio Galega dedican á próxima cita coas urnas en cada informativo.

Para o BNG, esta decisión supón “amordazar definitivamente ao Bloque e silenciar os máis de 103.000 galegos que votaron esta opción nas últimas eleccións europeas”, motivo polo cal a formación frentista xa anunciou “accións legais”.

A JEC argumenta que os sufraxios de 2009 non deben terse en conta debido ao cambio de coalición e, polo tanto, o BNG debe recibir o mesmo trato en canto a cobertura informativa que se nunca se presentase.

É un trato diferente -subliñou o Bloque- ao que reciben ERC, Aralar e EA, os seus socios nas anteriores eleccións europeas, que si viron contabilizadas as papeletas que obtiveron en Cataluña e Euskadi.

 

You may also like