Xa non hai risco de que alguén acabe no río. Esta mañá operarios do Concello retiraron as dúas pontes de madeira que salvaban o Lagares na Avenida de Ricardo Mella, á altura da Depuradora, e que estaban pechadas hai semanas logo de que o deterioro que sufriran as fixesen “moi perigosas para a seguridade dos peóns”, como salientou a concelleira de Medioambiente.
Nos proxectos de limpeza das beiras do río investironse 163.000 € e os orzamentos para 2010 teñen reservada unha partida de 45.000 para a construcción dunha nova ponte, declarou Chus Lago quen especificou que as melloras comprenderán o treito entre a Avenida de Castrelos e a desembocadura en Samil. “Montarase unha canaleta de formigón na parte inferior da pasarela metálica que cruza desde a Avenida de Citróen aos xardíns de Pablo Iglesias para evitar que as augas pluviais acaben depositándose na senda“, asegurou, e está prevista a colocación de fontes ao longo do paseo que vai de Florida a Ricardo Mella.
Ademáis destas actuacións a Concellería de Medioambiente retirou no primeiro trimestre de 2010 máis de dúas ducias de árbores caídas no leito do río por mor dos temporais ademáis de desatrancar a ponte de Muíños e a romana de Sárdoma de polas e maleza. No mes de xaneiro retiráronse uns 400 quilos de lixo da xunqueira ás que se sumaron as 3 toneladas retiradas durante a semana pasada desde a Avenida de Madrid cara a Castrelos.