Berrogüetto, unha das bandas máis importantes da escena ‘world music’ que leva 18 anos ininterrompidos nos escearios, dirá adeus á capital galega este domingo cun concerto enmarcado na súa xira de despedida ‘Unha luz que non se apaga’, e para o que preparan “unha viaxe no tempo ao revés”. A cita, dentro do ciclo Sons’14, será no Auditorio de Galicia.
Será un concerto “especial” porque, como explicaron os integrantes do grupo na rolda de prensa de presentación, viven en Compostela. “Sabemos que van ser momentos moi especiais para nós”, explicou Guillerme Fernández, encargado das guitarras.
De feito, contarán, para esta “especie de viaxe no tempo ao revés e cara a atrás”, co ‘gaiteiro’ Fernández Pérez, o primeiro violinista, Paco Juncal; e as ‘cantareiras’ que participaron na gravación de ‘Navicularia’, que despois integraron Anubía. Por motivos de saúde, Guadi Galego non poderá acompañar a banda neste concerto, aínda que o fará en “espírito”.
A cita servirá para recordar os primeiros concertos de Berrogüeto en lugares como na Praza da Quintana, onde repetiron actuacións ao longo da súa historia, ou noutros locais, como un da Rúa de San Pedro. Alí tamén se sitúa o restaurante ‘O Dezaséis’, que empezou o mesmo ano que a banda.