Vigo al minuto

A Xunta dirá en xullo que é o qué vai facer coa ETEA

As instalacións da antigua Escola de Transmisións da Armada, hoxe
As instalacións da antigua Escola de Transmisións da Armada, hoxe

A Xunta definirá nun prazo máximo de catro meses os usos e o reparto dos ámbitos da ETEA, así como a reformulación do proxecto, despois do cal se iniciarán os trámites do Plan Sectorial. Así o avanzaron esta mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, durante unha visita técnica aos terreos da escola, cuxa extensión é de 100.000 metros cadrados.

Os representantes do Goberno manifestaron que a Xunta traballa para integrar a ETEA na cidade de Vigo, coa finalidade de crear un gran proxecto que dote esta zona dunhas infraestruturas fortemente demandas pola veciñanza viguesa, especialmente pola do barrio de Teis.

Sinalaron que para a concreción dos usos, o Goberno galego contará coa participación dos veciños de Teis, xa que unha das liñas de actuación do novo deseño será a recuperación das instalacións para uso público. Os dous conselleiros manifestáronse convencidos de que a ETEA será para o Vigo do futuro o que agora representan Samil ou o parque de Castrelos.

Nese senso, a conselleira do Mar explicou que o Goberno galego vén de enviar sendas misivas ás responsables dos ministerios de Ciencia e Innovación e de Sanidade, para solicitarlles unha reunión co obxectivo de analizar entre ambas administracións os proxectos, así como a concreción e o mantemento do apoio do Goberno central. A modo de exemplo recordou o desenvolvemento do Centro Atlántico de Investigacións Mariñas, a base dos buques oceanográficos e as instalacións do Laboratorio Comunitario de Referencia en Biotoxinas Marinas.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o representante da Xunta que coordinará a todas as consellerías para concretar cales son os distintos usos aos que se dedicará a ETEA, que “non só usos universitarios, senón tamén usos de investigación, marítimos, de vivenda e de benestar para todos os cidadáns de Teis e de Vigo”, tal e como anticipuou o presidente Feijóo a pasada semán.

Investimentos

Os conselleiros manifestaron que un dos obxectivos da Xunta é buscar recursos orzamentarios para levar a cabo este proxecto, que brindarán uns usos non só tecnolóxicos, de investigación e de docencia, senón un uso para poder vivir na ETEA, incluso con distintas instalacións en materia de benestar. Asemade, explicaron que no momento da compra dos terreos non se tiñan en conta os intereses do diñeiro e non existía consignación para o mantemento das instalacións e edificios da ETEA nos que se asentaría este importante proxecto.

Sinalaron que, ademais do investimento que suporá desenvolver os proxectos, o compromiso da Xunta coa ETEA xa está concretado nun orzamento que supera os 30 millóns de euros, que corresponden á adquisición dos terreos (18,5 millóns de euros) e ao túnel de Xulián Estévez (12,6 millóns de euros).

Tamén manifestaron que existe un compromiso coa Universidade de Vigo para apoiar o asentamento dos elementos que contén o proxecto que, capitaneado pola propia Universidade, se presentará á convocatoria do Campus de Excelencia, e que conta tamén coa participación do Sistema Universitario de Galicia, tres universidades do norte de Portugal e do sector marítimo-pesqueiro galego.

 

También te puede interesar