O Plan de Vehículos Eficientes impulsado pola Xunta co fin de impulsar unha maior eficiencia enerxética no sector do transporte, alcanzou a cifra total de 113 solicitudes nos 23 establecementos adheridos ata o momento a esta campaña, a mes e medio da súa posta en funcionamento, tras abrirse o prazo de solicitudes o pasado día 1 de febreiro.
Este número de solicitudes supón un importe total de 255.478,78 euros en canto a fondos comprometidos (o 51%, é dicir, máis da metade) sobre os 500.000 euros de orzamento inicial que o Inega destina a esta campaña encamiñada a potenciar a renovación e a modernización do parque automobilístico galego, mediante a concesión de axudas para a compra de vehículos novos menos contaminantes ou transformacións, actuación coa que tamén se promove a diversificación enerxética para reducir así a dependencia do petróleo.
A contía máxima da subvención é do 15% do prezo de mercado do vehículo. Para os vehículos turismos híbridos enchufables, eléctricos puros, de combustión directa de hidróxeno ou de pilas de combustible o importe máximo da axuda por vehículo poderá alcanzar os 7.000 euros; 2.300 euros para os vehículos turismos híbridos Full Hybrid e de 2.000 euros para os vehículos turismos híbridos Mild Hybrid. No caso de vehículos novos ou transformados nun prazo inferior a 3 meses desde a súa primeira matriculación alimentados por gas natural e GLP o importe máximo por vehículo é de 2.000 euros e para transformacións a GLP, o máximo é de 450 euros. Por último, a compra de motocicletas eléctricas puras, híbridas, de hidróxeno ou pila de combustible incentívase cun importe máximo de 750 euros.
O usuario debe mercar o vehículo, para que o comerciante poida solicitar a previsión de fondos e aplicar o desconto correspondente, tras a cumprimentación do formulario de solicitude. A continuación o comerciante cobra o prezo menos o desconto. O usuario asina a conformidade no formulario de solicitude e o comerciante remite ao Inega nun mes toda a documentación. Finalmente o Instituto realiza o pagamento ao comerciante.
Esta é a terceira edición que o Instituto Enerxético de Galicia desenvolve este programa de promoción de medios de transporte máis eficientes, e prevese superar as 600 actuacións ao longo deste ano con esta nova convocatoria.