Galicia

So a terceira parte dos concellos galegos aproban en transparencia

Só o 32 % dos municipios galegos de máis de 20.000 habitantes superan o 50 % dos indicadores e alcanza o aprobado en transparencia. Pola súa banda, o 59 % non superan estas probas e dous concellos obteñen un moi deficiente ao non alcanzar o 25 %

Estes datos correspóndense cun estudio sobre información e transparencia nas webs e realizouse tendo en conta 41 indicadores e en relación aos 22 concellos que, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), teñen máis de 22.000 habitantes en Galicia. A avaliación levouse a cabo entre marzo e setembro de 2013, e actualizouse no primeiro trimestre de 2014.

Así as cousas, suspenden por debaixo do 25 % os concellos pontevedreses de Ponteareas e Marín, ambos os dous gobernados polo Partido Popular, e que conseguen un 24 e un 22 % de respostas. En canto ás cinco webs correspondentes ás capitais de provincia xunto con Santiago, só unha non supera o 50 %, a de Ourense -dirixida polos socialistas-, mentres que as outras catro si, aínda que sen chegar ao 75 %.

Lugo é a cidade con maior información, segundo este estudio, ao alcanzar o 68,29 %; mentres que Pontevedra e A Coruña empatan cun 63,41 % de respostas válidas. Santiago quedou nun 56,1 %.

Por partidos políticos, dos 14 municipios gobernados polo PP, 10 suspenden e catro aproban; mentres que dos 4 socialistas, 2 superan o exame e outros 2 non. O BNG, con dous concellos de máis de 20.000 habitantes, aproba nun caso e suspende noutro e Terra Galega, que goberna nun concello, suspende.

A información que máis escasea sobre os representantes políticos é a referida aos que non forman parte do equipo de goberno, e que case todos ofrecen (20 de 22) é a que ten que ver co alcalde ou alcaldesa.

Sobre como se xestionan os recursos, só en 12 casos se publican as actas dos plenos, e en dez casos, se dá información sobre as competencias dos órganos de goberno -pleno, xunta de goberno, comisións informativas-. As convocatorias e as ordes do día referentes á celebración dos plenos só se publican en catro casos e os acordos da xunta de goberno local, en cinco.

 

You may also like