Vigo al minuto

Que o novo hospital de Vigo non teña laboratorio “pode supoñer a diferenza entre vivir e morrer”

O secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, co alcalde, este martes, diante do novo hospital/Tresyuno Comunicación

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; e a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, manifestaron este martes o seu rexeitamento común á privatización da sanidade e esixiron que o novo hospital de Vigo sexa dotado dun laboratorio central.

Os tres asistiron á concentración convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública na que participaron tamén traballadores do servizo de laboratorio do Chuvi, para demandar un laboratorio central que permita alcanzar “a eficiencia do diagnóstico e a excelencia na atención a pacientes e cidadáns”.

A voceiro dos traballadores, a hematóloga, Carmen Albo, instou o Partido Popular a que dote o novo centro dun laboratorio central, porque “o afastamento dos servizos de diagnóstico dos hospitais de referencia dificilmente asegura unha calidade axeitada e o mantemento da integridade” das mostras.

Calvo subliñou que externalizar estas actividades impedirá a realización de analíticas rápidas, afectará “á seguridade do paciente, diminuindo a eficacia dos tratamentos”, retrasando o diagnóstico, o que “pode supoñer a diferenza entre vivir e morrer”.

A hematóloga sinalou que nos hospitais o laboratorio de urxencias se sitúa “ao lado dos demais”, polo que “se se detecta unha anomalía se pode trasladar ao outro laboratorio. No hospital esa mostra terá que trasladarse a outro hospital e o resultado vai tardar muchísimo máis, co risco que supón para os pacientes“, explicou.

Por todo isto, os profesionais dos servizos de diagnóstico, de análise clínica, hematoloxía, inmunoloxía e microbioloxía se puxeron a disposición das autoridades para ofrecerlles o seu asesoramento na toma de decisións e poñerlles de manifesto “os beneficios da consolidación dos laboratorios no novo hospital de Vigo”.

Pola súa banda, o líder do PSdeG criticou que a formulación do novo hospital de Vigo responda “cada vez máis ao modelo do PP: privado e pequeno”. Besteiro sinalou que iso é o que deixa ver que “o ten que ser o buque insignia dun hospital, o laboratorio, aquí non o vai haber, cando é un un gran laboratorio o que tería que ter un centro de referencia como o que quere ser este hospital”, sentenciou. “É unha magoa que o que ía ser unha grande infraestrutura hospitalaria de Vigo e de Galicia se vaia despezando privatización tras privatización”, un caso que equiparou aos da Comunidade de Madrid, que “todos saben que foi un sonoro fracaso”.

Yolanda Díaz manifestou que novo hospital, e en concreto o servizo de laboratorio, é un novo exemplo da “privatización dos recursos sanitarios, que terá consecuencias na saúde dos pacientes”.

“Estamos diante dun hospital que está endebedando as arcas públicas e que vai supoñer a expulsión de traballadores da sanidade pública, precarizar as súas condicións laborais e empobrecer un servizo público que ten que ser de calidade”, apostilou. Por esta razón, Díaz reiterou a súa petición de dimisión da conselleira de Sanidade, porque “está a saquear a sanidade pública para entregala ás grandes empresas sanitarias, moitas das cales teñen nome e apelidos do Partido Popular”.

 

También te puede interesar