Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, debe de deixar o seu posto logo de 16 sentenzas que “o deslexitiman” e botan abaixo as súas políticas “de destrución do público”, ademais de convertelo, a xuízo deste partido, nunha “especie de delincuente reincidente”.
En rolda de prensa, os deputados de AGE Xabier Ron e Ramón Vázquez censuraron as “prácticas totalitarias e absolutamente antidemocráticas” de Vázquez, despois de que, segundo denuncian, nomease “a dedo” á dirección do conservatorio de música de Santiago.
Polo que se refire a este tema indicaron que “son prácticas dignas da mafia, ao máis puro estilo napolitano,”, salientou Ron, tras explicar que “o que non pode ser” é que un claustro apoie maioritariamente un candidato, o Consello Escolar sexa “favorable” e a Inspección Educativa o “avale” pero “logo, non se sabe por qué motivos, pero seguramente para colocar unha persoa afín, trastórnese” esta decisión.
Ramón Vázquez, pola súa banda, constatou que nos últimos 10 días se coñeceron dúas sentenzas -a do concurso de traslados de persoal docente e a de centros que segregan en razón do sexo- que se suman “a tantas outras” que fan do conselleiro un “dirixente político sentenciado”.
Neste sentido, referiuse ás relativas ao decreto do plurilingüismo, ás sancións ao profesorado e á licenciatura de Física, entre outras. “Violenta constantemente o marco normativo e sitúa constantemente ao sistema educativo galego á marxe da lei”, denunciou.