Comarcas

Un novo roubo en As Neves deixa sen teléfono e Internet a ducias de veciños de Tortoreos

A parroquia de Tortoreos, en As Neves, volveu a sofrir outro roubo, neste caso do cabre do tendido telefónico o que deixou sen teléfono e Internet a ducias de veciños da parroquia.

Segundo varios deles, o feito produciuse este martes, de madrugada: os ladróns levaron máis de vinte tramos do cabre logo de subir aos postes e córtalo, sen que ninguén se enterase, algo que, aseguraron varios dos afectados “é xa algo normal dende hai máis dun ano”, unha situación que, subliñan “repítese sin que ninguén faga nada, sin por remedio, sin investigar e sin que haxa máis vixiancia”.

Este suceso súmase aos constantes roubos que sofre todo o concello, e en especial as parroquias de Tortoreos e Liñares, e que chegaron a poñer en perigo a varios veciños aos que asaltaron nas súas propias casas, de madrugada, mentres durmían.

O voceiro do BNG e xefe da oposición municipal, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, logrou a convocatoria dun Pleno extraordinario, celebrado hai dez días, no que, en cumprimento do acordo acadado por organismos e asociacións veciñais, pediu ao alcalde, o popular Raúl Emilio Castro, a convocatoria da Xunta Local de Seguridade “para facer fronte aos roubos e asaltos que se están a producir no concello dende hai varios meses”.

A devandita proposta, foi rexeitada polo alcalde e os concelleiros do Partido Popular quenes afirmaron que estos feitos non eran competencia municipal e que estaban en mans da Subdelegación do Goberno e nas da Garda Civil.

Ademáis, o goberno local rexeitou, como propuxo o voceiro do Bloque, unha xuntanza dos responsables de seguridade cos grupos políticos e representantes dos veciños, para “poder ter unha radiografía da situación actual e facer un seguimento” sobre os lugares e datas dos actos violentos que se están a producir. Xosé Manuel Rodríguez lembrou que varios destes feitos delictivos tiveron como víctimas a un grupo de veciños que, en varios casos foron golpeados e feridos, “feitos que se produciron en diferentes parroquias” a altas horas da noite e sobre persoas indefensas.

Do mesmo xeito, o alcalde tampouco admitiu que os mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado explicasen á Corporación e aos veciños qué medidas adoitaron, como despliegue de máis axentes, vixianza e proteción.

 

You may also like